O pasado mes de xullo de 2024, o Consello de Goberno da UVigo aprobaba, logo da necesaria modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), a creación do Servizo de Recursos Humanos de Investigación. Transcorridos sete meses, investigadores e investigadoras principais de varios grupos participaron este mércores nunha sesión na que, por unha banda, se lles presentou a quen será a xefa do servizo, Anabel G. Penín, e pola outra, debateuse a modificación da Normativa de contratación do persoal investigador e de apoio á investigación da UVigo.
“Este é un servizo que nos dará moitas ledicias porque o esquema e as persoas que o integran melloran moitísimo o que tiñamos antes”, dixo o reitor, Manuel Reigosa, na xuntanza celebrada este mediodía no Edificio Miralles do campus vigués e no que a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, incidiu na importancia de contar cunha normativa “a gusto de todos”. Neste sentido, o reitor reiterou a importancia que para o equipo que dirixe ten acadar un convenio colectivo para o persoal investigador, algo que se está a negociar neste intre en Galicia. “A posición da UVigo é que estas persoas, ao igual que todos o traballadores non funcionarios, teñen que estar acollidos a un convenio colectivo que regule as relacións laborais deste persoal”, dixo o reitor.
“Por fin configuramos o servizo que está a piques de publicarse na RPT, unha vez que o Consello Social o aprobe”, confirmou a xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, que lembrou que o novo Servizo de Recursos Humanos de Investigación reunirá responsabilidades que antes estaban partilladas por tres unidades administrativas diferentes. O baleiro detectado na xestión do recursos humanos de investigación, “que son parte importante da UVigo, ata un terzo do persoal”, dixo Lesmes, foi o que impulsou ao actual equipo de goberno a poñer en marcha un servizo que a xerenta cualificou de “transcendente”, ao implicar, non só a contratación, senón tamén a regulación do réxime xurídico , a determinación da carreira profesional, o recoñecemento de dereitos e a xestión da vida profesional.
“Coa creación deste servizo pretendemos que se identifique todo o colectivo, que este poida resolver as súas cuestións, mellorar as canles de comunicación de todas as partes implicadas (investigadores principais e os grupos, dunha banda, e por outra o persoal contratado), camiñar cara unha homoxeneización da selección de persoal e condicións de traballo e ter espazo de interlocución e resolución de dúbidas”, detallou a xerenta, en relación cos obxectivos do novo servizo.
Anabel G. Penín afirmou que a xefatura do novo servizo é para ela “un gran reto”, ao tempo que destacou que se está a reunir nun servizo unidades que antes funcionaban de xeito independente, “o que vai permitir mellorar a estratexia”. Nomeada xefa do Servizo de Recursos Humanos de Investigación logo dun proceso selectivo no que se presentaron varias candidaturas, González Penín ocupaba desde 2017 a Xefatura de Sección de Recursos Humanos de I+D do Servizo de Apoio á Investigación e Desenvolvemento e entre os anos 2010 ao 2018 foi a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, ademais de ocupar o posto de secretaria de órganos de goberno e xefatura de negociado no Servizo de Retribucións e Seguros Sociais.
Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Estudos de Xénero e Xestión de Políticas de Igualdade pola Universitat de Llèida, Anabel G. Penín desenvolverá as súas funcións á fronte do novo servizo xunto a outras nove persoas que conforman esta estrutura, que se completa con dúas xefaturas de sección, outra de área, tres de negociado e tres postos base.
Tanto o reitor, Manuel Reigosa, como a xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes gabaron a traxectoria e desempeño nas súas funcións de González Penín á que se referiron como “unha garantía” e “un bo comezo para este novo esquema” e á que agradeceron que asuma este cargo.
La Universidad de Vigo "incuba" 14 nuevas iniciativas empresariales del alumnado en diferentes modalidades
No hay eventos
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL